JESÚS GOMAR E AIDA VALIÑO, GAÑADORES DO TRÍATLON DO MIÑO

Gomar (Cidade de Lugo Fluvial) e Aida Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) gañaron hoxe o XXII Tríatlon do Miño, proba incluída no Circuíto Xunta de Galicia de Tríatlon de Estrada, na que houbo unha gran participación e moi alto nivel.

Na categoría absoluta masculina o gañador foi Jesús Gomar mentres que na segunda posición chegou outro dos favoritos, Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e na terceira, Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo). Por clubs, o primeiro clasificado foi o Cidade de Lugo Fluvial, mentres que Arcade foi segundo e terceiro, o Muralla de Lugo.

Na proba feminina tamén cumpriron co guión as favoritas. Aída Valiño chegou na primeira posición e detrás Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Fani Domínguez (Cidade de Lugo Fluvial). Por equipos repetiu triunfo o Cidade de Lugo Fluvial, mentres que segundo foi o Mar de Vigo e terceiro, o San Roque de Viveiro.

O Tríatlon do Miño era a cuarta e última proba do Circuíto Xunta de Galicia de Tríatlon de Estrada e, por tanto, a última posibilidade de clasificarse para a final galega, que terá lugar o día 11 de setembro en Riazor. En cada unha das diferentes probas logran praza para a final os trinta primeiros clasificados.
Noutras categorías, os gañadores foron os seguintes:

 Cadete: Antonio Serrat (Mar de Vigo) e Xiana Rendo (Independente).
 Júnior: Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Francisco González (Galaico Pontevedra).
 Veteráns: Alfredo Trincado (Náutico de Vigo) e Sandra Santodomingo (San Roque de Viveiro).

O Tríatlon do Miño, ademais da proba oficial, tamén celebrou unha proba popular para todas as categorías cuns percorridos máis curtos (300 metros de natación, 13 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe) na que tamén houbo unha importante participación e moi bo ambiente.

O Circuíto Xunta de Galicia de Tríatlon de Estrada está formado por catro probas: O I Tríatlon Porto de Campelo e Concello de Poio, que se celebrou no mes de xuño, e onde gañaron Fani Domínguez e Óscar Vicente. A segunda proba, o día 10 de xullo, foi o I Tríatlon de Arteixo, con Marta Barbeito e Brais Canosa como vencedores. A terceira foi a de Pontevedra, con Antón Ruanova e Marta Jiménez, como gañadores. E a última foi o Tríatlon do Miño, con Jesús Gomar e Aída Valiño na primeira posición. Agora, hai que esperar á final que se disputará o domingo 11 de setembro en Riazor.

Clas Tri Mino.pdf