| MARTA JIMÉNEZ E IVÁN RAÑA PARTICIPARÁN NA COPA DO MUNDO DE HUATULCO |
|
• É unha proba importante porque están en xogo puntos para a clasificación olímpica. Lugo, 04 de maio de 2012. O domingo 6 de maio Marta Jiménez e Iván Raña participarán na Copa do Mundo de Huatulco (México) co obxectivo de sumar puntos para a clasificación olímpica. Sen dúbida será unha proba moi importante para os dous deportistas. Marta Jiménez (Cidade de Lugo Fluvial) no caso de quedar entre as primeiras clasificadas tería serias posibilidades de acudir aos Xogos, grazas a magnífica tempada que está a desenvolver. Por este motivo, máis que xustificado dado o que está en xogo, Marta non acudirá ao Campionato de España de Dúatlon, no que estaba inscrita. Nestes momentos Marta compite con Marina Damlaimcourt (que tamén estará en México) por esa posible terceira praza nos Xogos. A proba da Copa do Mundo dispútase sobre a distancia olímpica (1,5 quilómetros de natación, 40 de bici e 10 de carreira a pe) e destaca principalmente pola dureza do percorrido de bicicleta. Pola súa banda, Iván Raña está nunha situación complicada. Non está a facer unha gran tempada, xa que arrastra unha lesión nun pe que lle impide competir ao máximo nivel, pero necesita puntuar para non perder a súa praza olímpica, dado o empuxe dos deportistas que veñen por detrás (principalmente de Josemi Pérez). Por iso, a pesar de que non está aínda completamente recuperado, participará nesta proba, a última da Copa do Mundo que aporta puntos para a clasificación olímpica. O percorrido de bicicleta en Huatulco é especialmente duro, polo que é beneficioso para o deportista de Ordes, que onde pasa os principais problemas é na carreira a pe, xa que forza a súa lesión. No Campionato de Europa Iván Raña quedou por diante de Josemi Pérez e agora mesmo están moi igualados no ranking. Ademais, na proba de México só participará o deportista de Ordes, que pode abrir brecha co conquense, aínda que parece que todo estará moi igualado ata o final (31 de maio). |